Solicitamos su permiso para obtener datos estadísticos de su navegación en esta web. Si continúa navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK | Política de cookies | Política de Privacidad

Máster HPC

  • Máster HPC

Subscríbeche

  • Suscribete a Novas CESGA

HPC User Portal

  • HPC User Portal

Estado dos sistemas

  • Solo visible desde Firefox o Chrome.

Síguenos ...

  • Twitter FacebbokFlickrYouTube CESGA

Servizos PYME's

  • Servicios para Empresas

díxitos Xulio 2018

  • díxitos Julio 2018

  • CESGA ICTS

Chemineas á carta matematicamente respectuosas co medio ambiente

Nova: Chemineas á carta matematicamente respectuosas co medio ambiente

 0 voto(s)

Venres 26/01/2018 10:07

Estufas, sistemas de ventilación e tubos de aceiro inoxidable integrados na paisaxe debuxan un novo panorama no consumo enerxético. A combustión limpa chegou para quedar. Pero, como acadar chemineas sofisticadas e sostibles? Dinak, empresa galega punteira no sector, recorre á simulación na nube mediante computación de alto rendemento como vantaxe competitiva. Este método de cálculo avanzado permítelle deseñar o produto máis axeitado para cada fogar ou industria nunha semana, minimizando o número de prototipos físicos necesarios.

Os gases liberados por estufas de gas, chemineas de leña ou calentadores que funcionan mal poden chegar a ser moi perigosos. Calcúlase que cada ano en España sofren intoxicacións por monóxido de carbono (CO) entre 5.000 e 10.000 persoas. Pero o control dos gases e a procura dunha óptima ventilación, é posible. O emprego de tecnoloxía de última xeración por parte do sector consegue emisións cero.

Onde está o segredo das novas chemineas? Na simulación numérica. A recreación da realidade empregando métodos mátematicos e potentes computadores permite xerar modelos a partir dunha serie de variables proporcionadas polo deseñador. A posibilidade de recrear e representar de forma virtual procesos e produtos sen necesidade de prototipos físicos, tan custosos en tempo e diñeiro, empezou a incorporarse aos procesos industriais nos anos sesenta.

A simulación ou modelización numérica supuxo unha revolución na industria, enterrando lápis e papel. As empresas non tardaron en darse conta da vantaxe que supón obter a mellor versión dixital de aeronaves, buques, parques, edificios ou plataformas enerxéticas antes da construción final.

A empresa galega Dinak atopou neste método a variña máxica para fabricar chemineas “á carta”. Buscaba unha solución para gañar competitividade creando o deseño máis axeitado para cada fogar ou fábrica en función do espazo, as medidas, o aspecto e os estándares de calidade. Coa simulación dos seus deseños a través da computación de alto rendemento a empresa é quen de aforrar ate 50.000 euros anuais e de obter o produto final nunha semana, cando antes tardaba ao redor dun mes.

A modernización dun sector

As esixencias ambientais para acadar unha combustión máis limpa provocaron un cambio de mentalidade nas últimas décadas. Obxectivo: ser máis sostibles. A obriga de coidar as emisións de CO2, principal causante do quentamento da atmosfera, perfilou un panorama no consumo enerxético sen sitio para chemineas abertas ou estufas tradicionais exentas de control.

Pero, como conseguir esa redución de emisións e maior eficiencia no uso da enerxía calorífica? Optimizando o deseño de chemineas grazas ás tecnoloxías de computación avanzada.

Dinak, con sede en Vigo e máis de tres décadas de traxectoria neste sector, precisaba avanzar na fabricación de chemineas modulares concéntricas de aceiro inoxidable cun circuito estanco de combustión. Antes de aplicar a simulación numérica, necesitaba un mes de traballo para o deseño e a proba dunha nova chimenea. Cada produto requería o esforzo de tres enxeñeiros e dous técnicos para testear as diferentes opcións, deseñar os prototipos e verificar o cumprimento das normas.

Probas con cálculos complexos

No proceso de mellora entran moitas variables e a empresa sabía que as probas físicas non son factibles en termos de custo e de tempo. Cal foi o paso determinante? Empregar computación de altas prestacións para acadar unha simulación na nube o máis detallada posible, con probas e visualización dixitais na procura do deseño máis axeitado para cada caso e sen necesidade de prototipos físicos.

A operación implica cálculos complexos que definen o deseño das pezas. Esta solución tecnolóxica baseada na simulación numérica, con código aberto OpenFoam, é accesible para a empresa grazas aos recursos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Deste xeito, Dinak conta cun equipamento de cálculo exhaustivo e rápido para acadar chemineas optimizadas. O modelo de simulación deseñado polo Centro Tecnolóxico Aimen e a interface feita a medida polo Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña permitiu a Dinak configurar as simulacións, executalas e visualizar os resultados na pantalla do ordenador.

Tempos e custos inferiores

O máis sorprendente? Menos tempo e máis beneficios. Coa adopción da simulación numérica, a empresa aforra máis dun 90% dos custos asociados ao deseño de cada modelo de nova cheminea. Adicionalmente o proceso pasa a realizarse nunha semana cando antes levaba un mes. Actualmente Dinak, con presenza en sete países a través de delegacións en Francia, Italia, Bélxica, Alemaña, Reino Unido e Polonia, desenvolve entre tres e catro novos produtos ao ano.

A sofisticación das chemineas e sistemas de ventilación percíbese tamén nos controis de calidade europeos que agora, grazas á simulación numérica, a compañía pasa con cero erros.

O sistema de cálculo de altas prestacións proporcionado polo Cesga supuxo para Dinak un antes e un despois. A colaboración da Universidade da Coruña e do Centro Tecnolóxico Aimen na introdución da simulación nos procesos da empresa completou o círculo dunha mellora baseada 100% no Sistema Galego de I+D+i. O reto superado amplía os horizontes de Dinak, que avanza na colocación de estufas e sistemas de ventilación de nova xeración en 24 mercados.

 

 


Valorar: