GALICIA PON EN FUNCIONAMENTO A LIÑA DE COMUNICACIÓN CUÁNTICA MÁIS LONGA DE ESPAÑA QUE UNE SANTIAGO E VIGO E LOGRA UN FITO HISTÓRICO PARA A CIBERSEGURIDADE

  • – O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, participan na posta en funcionamento desta conexión de 120km de distancia
  • – Envían a primeira mensaxe desde o Vigo Quantum Communication Center na cidade viguesa ao Centro de Supercomputación de Galicia en Compostela
  • – Entre outras posibilidades, o sistema permite desde a protección de infraestruturas críticas, como comunicacións gubernamentais e control de tráfico aéreo, ata a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía
  • – A nova tecnoloxía despregada, que facilitará establecer comunicacións ultra seguras, ampliarase tamén a outros puntos da rede galega de investigación
  • – Desenvolto por investigadores do CESGA co apoio do centro vigués, o enlace é posible grazas ao convenio subscrito entre o CESGA e Red.es e o financiamento do Plan complementario de comunicacións cuántica
  • – A primeira mensaxe será gardada no Arquivo de Galicia como símbolo do desenvolvemento tecnolóxico e o avance da Comunidade neste eido

A I+D+i galega viviu hoxe un novo fito coa posta en funcionamento da liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España e tamén unha das maiores de toda Europa: 120 quilómetros que unen a partir de agora Santiago de Compostela e Vigo, en concreto o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Vigo Quantum Communication Center (VQCC). O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participaron na posta en funcionamento desta conexión, nun acto ao que tamén asistiron, entre outros, a subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles.

Na cita, lanzouse a primeira mensaxe a través deste enlace terrestre de Distribución Cuántica de Claves (QKD) baseado en fibra, “un fito histórico para a ciberseguridade nacional”, sinalou o representante da Xunta de Galicia. O sistema permitirá establecer comunicacións ultra seguras, inicialmente entre Santiago e Vigo, aínda que está prevista a súa extensión a outros puntos da rede galega de investigación e a conexión á EuroQCI, a infraestrutura de comunicación cuántica segura que abarcará toda a Unión Europea, a través do proxecto europeo IberianQCI, do que o CESGA e o VQCC forman parte.

As aplicacións prácticas desta tecnoloxía son amplas e de gran importancia, “desde a protección de infraestruturas críticas, como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, ata a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía”, detallou Román Rodríguez, entre outros usos como o control de plantas de produción e monitorización de infraestruturas no ámbito enerxético ou para asegurar o intercambio de datos sensibles relacionados co desenvolvemento tecnolóxico na industria farmacéutica. Tamén pode garantir a confidencialidade nas comunicacións gubernamentais e militares, así como nas redes empresariais de alto valor, xa que a medida que os computadores cuánticos se volvan máis potentes, a criptografía clásica estará en risco. “Este avance prepáranos para esa era, ofrecendo unha capa de seguridade que será inmune aos métodos de ataque futuros”, engadiu.

Exemplo de colaboración entre administracións

A liña está desenvolta por investigadores do propio CESGA co asesoramento do VQCC. Conta cun investimento de máis de 850.000€, financiados no marco dun convenio de colaboración entre o CESGA e Red.es e do Plan complementario de comunicacións cuánticas a través de fondos europeos do Plan de Recuperación e Resiliencia e de fondos propios da Xunta. O equipamento foi adquirido grazas ao apoio de Red.es/ReIRIS. Precisamente, no acto tamén participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e o director do CESGA, Lois Orosa.

Esta ligazón de fibra óptica foi posible despregala grazas ao convenio de 4M€ subscrito entre Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e o CESGA para a mellora da extensión, capacidade e xestión de infraestruturas de comunicacións informática e científica de Galicia na súa conexión a RedIRIS. Estas actuacións ao abeiro do acordo con Red.es, entre as que se atopa o despregamento desta ligazón de fibra óptica de 120km e cunhas características ópticas melloradas para transmitir sinais cuánticas, están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos Fondos Next Generation EU.

‘A autoestrada cuántica do futuro’

“Este feito marca un antes e un despois na protección das comunicacións, garantindo unha seguridade a proba de futuros ataques”, remarcou Román Rodríguez, quen felicitou aos técnicos implicados a agradeceu a colaboración das distintas administracións para “construír esta autoestrada cuántica do futuro”.

Na súa opinión, este proxecto “amosa o compromiso de Galicia coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías disruptivas, como a cuántica, unha aposta que non fixo máis que empezar e que xa nos sitúa como unha auténtica referencia no conxunto de Europa”. Explicou, ademais, que esta liña de traballo está aliñada coas estratexias estatais e europeas, tal e como se establece no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 aprobado este ano pola Xunta e no que as tecnoloxías profundas son unha liña prioritaria.

Pola súa banda, a subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles, amosouse “convencida de que, co tempo, moitos destes avances poderán trasladarse ás nosas redes de comunicacións, achegando beneficios aos servizos que prestamos.”

Como funciona esta tecnoloxía?

O QKD, co que Galicia marca un novo fito, é unha tecnoloxía revolucionaria que utiliza as leis da física cuántica para crear e distribuír claves de cifrado de xeito totalmente seguro. Así, se alguén intenta interceptar a clave, o simple acto de intentalo altéraa, alertando de inmediato aos usuarios e facendo imposible a espionaxe. Este método ofrece seguridade fronte a calquera avance futuro da nosa capacidade computacional, algo que os sistemas de encriptación actuais non poden garantir a longo prazo.

Este logro fai posible a xeración de claves cuánticas a través dunha única fibra óptica sen cortes nin amplificadores de sinal en dous emprazamentos situados a máis de 120 km de distancia -CESGA en Compostela e o VQCC en Vigo-. O resultado demostra a viabilidade da tecnoloxía QKD en contornas reais, e posiciona a España á vangarda da investigación e o despregamento de infraestruturas de comunicacións cuánticas.

Ata agora, tíñanse realizado varias demostracións en España de enlaces terrestres de QKD, concentradas principalmente en contornas metropolitanas como Madrid e Barcelona, acadando distancias de ata 40 km. A superación da barreira dos 100 km é un desafío significativo, xa que a luz que transporta a información cuántica atenuase ao propagarse ao longo da fibra óptica, o que require o uso de amplificadores de sinal, excluídos en QKD xa que o proceso de amplificación destrúe a información cuántica.

A infraestrutura está baseada en equipos de transmisión e recepción QKD de tecnoloxía europea, con detectores superconductores de fotón único arrefriados a temperaturas crioxénicas, por debaixo dos 270ºC baixo cero. Este equipamento presenta innovacións que mitigan o impacto das perdas, logrando un rendemento e estabilidade excepcionais, o que senta as bases para futuras redes nacionais de comunicación cuántica de longa distancia.