O CESGA e CITIUS impartirán un titorial internacional sobre computación cuántica distribuída coas ferramentas CUNQA e NetQMPI na IEEE Quantum Week (QCE26)
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) terá unha presenza destacada na próxima edición da IEEE International Conference in Quantum Computing and Engineering (QCE26), o evento de referencia mundial no sector coñecido como IEEE Quantum Week (https://qce.quantum.ieee.org/2026/program/tutorial-schedule/). Persoal investigador do centro, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), impartirá o titorial especializado titulado “Practical Distributed Quantum Computing: Programming distributed applications with NetQMPI over CUNQA Emulator” – Friday, September 18, 2026 (1:00 PM – 2:30 PM).
A medida que a computación cuántica madura, as limitacións físicas no número de cúbits e os tempos de coherencia nunha única Unidade de Procesamento Cuántico (QPU) fan que o escalado monolítico sexa cada vez máis complexo. Ante este desafío, a Computación Cuántica Distribuída (DQC) xorde como a alternativa máis viable, permitindo a interconexión de múltiples QPUs mediante redes cuánticas para operar de maneira coordinada como un único clúster de computación de alto rendemento.
O obxectivo principal desta sesión formativa é dotar aos asistentes —enxeñeiros de software cuántico, investigadores de HPC e estudantes de posgrao con coñecementos básicos de Python e computación cuántica— das competencias prácticas necesarias para deseñar, programar e simular aplicacións cuánticas distribuídas. Os participantes aprenderán a realizar a transición desde os circuítos cuánticos monolíticos estándar cara a arquitecturas distribuídas, abordando aspectos críticos como a xestión do entrelazamento remoto, a teletransportación de estados cuánticos entre nodos da rede e a simulación da latencia e o ruído das canles de comunicación.
Tecnoloxía propia con selo galego e nacional O núcleo práctico do titorial fundamentarase no uso coordinado de dúas potentes ferramentas de vangarda que demostran o liderado de Galicia no ecosistema cuántico internacional:
- – CUNQA: Trátase dun emulador de última xeración para contornas de computación cuántica distribuída. CUNQA é un desenvolvemento propio realizado integramente no CESGA no marco do proxecto estratéxico nacional QUANTUM SPAIN, financiado con fondos europeos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
- – NetQMPI: É unha interface de paso de mensaxes inspirada no estándar MPI clásico pero adaptada especificamente para nodos cuánticos. Esta librería é froito dunha estreita colaboración científica entre o CESGA e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS-USC).
O titorial será o 18 de setembro e estará a cargo dos expertos Jorge Vázquez-Pérez (CESGA), F. Javier Cardama (USC), Tomás F. Pena (USC-Citius) e Andrés Gómez (CESGA), quen guiarán aos alumnos a través de sesións teóricas e extensas prácticas de programación.