Carlos Fernández Sánchez e Andrés Gómez Tato participan nunha mesa debate sobre computación cuántica e intelixencia artificial en Santiago
O próximo 24 de setembro, ás 19.30 horas, dous especialistas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) participarán nunha mesa debate organizada pola Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (RSEAPS), dedicada aos retos e oportunidades dos computadores cuánticos e a intelixencia artificial.
Carlos Fernández Sánchez, coordinador de Sistemas do CESGA, e Andrés Gómez Tato, coordinador do equipo de cuántica do centro, abordarán as posibilidades destas tecnoloxías emerxentes e os desafíos asociados ao seu desenvolvemento e aplicación.
O acto celebrarase na Sala de Xuntas da RSEAPS, na Praza Salvador Parga número 4 (primeiro piso), con acceso libre ata completar a capacidade. Tamén poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da RSEAPS.
Este debate encádrase dentro do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”.