O 28 de novembro, os entusiastas da cuántica ubicados en (ou preto de) territorio español poderán aproveitar unha gran oportunidade: o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) únese ao Pan-European Quantum Internet Hackathon 2025 de QIA (Quantum Internet Alliance) como novo nodo, facilitando o acceso a este emocionante encontro internacional a investigadores e outros grupos de interese situados nesta zona.

Un equipo de expertos en computación cuántica do CESGA estará dispoñible para ofrecer orientación e apoio técnico durante todo o evento, axudando aos participantes a sacar o máximo partido á infraestrutura, aumentando así as posibilidades de superar os retos propostos. Os nosos compañeiros Irais Bautista, Iago Fernández e Guillermo Díaz contarán co apoio adicional do enxeñeiro de simulación de QuTech, Michal van Hooft, que estará presencialmente en Santiago de Compostela para axudar neste esforzo coordinado.

 

Que é o Hackathon de QIA?

O Pan-European Quantum Internet Hackathon é un encontro internacional que se celebra simultaneamente en varias localizacións. Nesta edición, os participantes poderán unirse dende os nodos de Ámsterdam (Países Baixos), Dresde (Alemaña), París (Francia), Poznań (Polonia) e Santiago de Compostela (España).

O hackathon articúlase ao redor dunha serie de retos que os diferentes equipos terán que abordar e resolver da maneira máis eficaz mediante o uso de técnicas de computación cuántica. Estas tarefas centraranse na creación de aplicacións de redes cuánticas, partindo dunha simulación de protocolos de comunicación e información cuántica, e enmarcando estas simulacións nun escenario de aplicación.

Gustaríache ver detalles de edicións anteriores? Podes botar unha ollada ao resumo do Hackathon de 2024.

A continuación, os participantes reuniranse virtualmente para compartir os resultados, as posibles solucións, as diferentes formas de abordar os problemas propostos e as dificultades que atoparon no camiño.

*É necesario ter coñecementos básicos de Python!*

Como participar no Pan-European Quantum Internet Hackathon

A coordinación entre nodos abre a posibilidade de unirse a este Hackathon desde un bo número de rexións europeas. Accede ao rexistro a través da páxina web de QIA, le atentamente os detalles e os coñecementos requiridos e selecciona o nodo máis próximo á túa localización.

Detalles, preguntas frecuentes e INSCRICIÓN 👉 https://quantuminternetalliance.org/quantum-internet-hackathon-2025/