O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) presenta os resultados do seu informe anual de produción científica, correspondente a 2025, que recolle a actividade investigadora que a nosa comunidade usuaria desenvolveu nas infraestruturas de cómputo (HPC, HTC, Big Data e visualización científica) durante ese período anual. Entre toda a información recollida neste documento, destacan tres aspectos:

A familia medra: unha comunidade usuaria en crecemento constante

O formulario de produción científica enviouse a 1.686 contas (un 43,9% máis que en 2024), das que responderon 1.045 (62% de taxa de resposta). As persoas que responderon representan o 97,5% das horas de cómputo consumidas polo conxunto de usuarios convocados. O CSIC e a USC concentran os maiores volumes de usuarios, mentres que as contas asociadas á RES medraron un 115,5% respecto ao ano anterior.

Máximo histórico de publicacións

As persoas usuarias da infraestrutura do CESGA declararon 626 publicacións en 2025, superando o rexistro de 2024 (611) e marcando un novo máximo na serie histórica 2004-2025. A cifra global desagrégase en 463 artigos (cifra que supera tamén o récord histórico), 143 conferencias e 20 teses. Física é a área con máis publicacións (130), seguida de Bioinformática, Química e Modelización Bioquímica.

Proxectos

Reportáronse 388 proxectos activos, o valor máis alto desde 2013, cun crecemento de 52 proxectos respecto a 2024. A maioría son de I+D (336). O importe global ascende a 442.145.618 €, moi por encima dos anos anteriores, dos cales 96.532.670 € destínanse directamente a grupos de investigación. Xeráronse 504 postos de traballo financiados, tamén cifra récord.

Todas estas cifras reflicten unha tendencia consolidada de crecemento sostido desde 2020, poñendo de relevo a importancia estratéxica do CESGA como infraestrutura crítica para a investigación científica galega, española e europea.