Os días 9 e 10 de novembro, o proxecto QUANTUM_IBER_IA reunirá a investigadores, expertos en tecnoloxía e representantes do tecido empresarial para compartir coñecemento e explorar aplicacións prácticas da computación cuántica, as comunicacións cuánticas e a IA.

Quantum_Iber_IA International Conference 2026, un encontro internacional que se celebrará os días 9 e 10 de novembro en Santiago de Compostela, na sede da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). A conferencia reunirá a persoas do ámbito investigador, tecnolóxico e empresarial para intercambiar coñecemento, presentar desenvolvementos recentes e debater casos de uso reais en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial.

A conferencia enmárcase no proxecto QUANTUM_IBER_IA, que busca posicionar o espazo POCTEP como referente no desenvolvemento e a aplicación de tecnoloxías avanzadas mediante a integración estratéxica das tecnoloxías cuánticas (computación, comunicacións e simulación) e a intelixencia artificial. O proxecto impulsa o uso compartido e coordinado de infraestruturas existentes, como supercomputadores, redes cuánticas e plataformas de IA, con especial atención a sectores crave como a agroalimentación, a saúde, a ciberseguridade, a enerxía e o medio ambiente. Ademais, traballa para crear un ecosistema de innovación híbrido cuántico+IA que conecte centros de investigación, universidades, administracións públicas e empresas, favorecendo a cooperación transfronteiriza e a atracción e retención de talento.

O programa incluirá dúas conferencias invitadas:

Eneko Agirre, director do Centro HiTZ de Tecnoloxías da Linguaxe (Grupo Ixa), abrirá a primeira xornada.
Enrique Sánchez Bautista, responsable da oficina de Bruselas da Quantum Community Network da iniciativa EU Quantum Flagship, abrirá a segunda.

Entre ambas, as sesións técnicas abordarán intelixencia artificial, a intersección entre computación cuántica e IA (Quantum+IA), computación cuántica e comunicacións cuánticas, alén doutros temas. Haberá tamén sesións de pósteres durante os descansos.

Inscrición

A asistencia será previa inscrición e a capacidade está limitado a 105 persoas, con prioridade para quen teña un resumo (abstract) aceptado. O formulario de rexistro e o programa completo están dispoñibles en: https://www.cesga.es/quantum_iber_ia-international-conference-2026/

QUANTUM_IBER_IA (0590_QUANTUM_IBER_IA_6_E): Impulso estratéxico das capacidades en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial no espazo ibérico transfronterizo. Cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.