O CESGA e o IGFAE, cun papel clave en HADRON-2030, un ambicioso proxecto europeo para investigar a forza forte
49 organizacións de 15 países alíanse para compartir instalacións experimentais, recursos teóricos e tecnoloxías de computación cuántica, co obxectivo de coñecer mellor un dos piares do Modelo Estándar.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), xogarán un papel clave en HADRON-2030, unha iniciativa europea que reúne o coñecemento e as capacidades experimentais e computacionais no ámbito da interacción forte, un dos piares do Modelo Estándar da física de partículas.
O proxecto, coordinado polo CNRS francés, reúne 49 organizacións beneficiarias de 15 países, apoiadas por outras 86 institucións participantes. A súa gran aposta é abrir as infraestruturas da rede ao persoal investigador, que poderá acceder a instalacións como o CERN, GSI/FAIR ou GANIL e elixir o espazo máis acaído para cada investigación.
Galicia achegará os seus recursos de computación cuántica e simulación analóxica a través do IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab, cun acceso remoto ao computador cuántico e aos recursos de emulación cuántica do CESGA, así como ao simulador cuántico analóxico do IGFAE, unha instalación única en España neste momento.
HADRON-2030 inclúe ademais formación para estudantes de doutoramento, investigadores posdoutorais, enxeñeiros e persoal técnico. Está financiado polo programa Horizonte Europa da Unión Europea, co Grant Agreement nº 101292522.
Máis información: https://igfae.usc.es/igfae/hadron-2030/



