Buscamos Expresións de Interese de profesionais con perfís diversos para crear e consolidar a iniciativa europea 1HealthAI Factory no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
1HealthAI Factory é unha ambiciosa iniciativa europea cofinanciada por EuroHPC e liderada por CESGA en Santiago de Compostela, España. Estamos a construír unha das 19 Fábricas de IA europeas deseñadas para contribuír á soberanía europea en intelixencia artificial. 1HealthAI Factory artéllase arredor dun gran superordenador europeo optimizado para a intelixencia artificial (IA), que estará ubicado no CESGA. Dende este superordenador, ofreceráselle unha ampla gama de servizos de IA a startups, pemes e outras institucións europeas nos sectores de Unha Soa Saúde (saúde humana, saúde animal e saúde ambiental).
1HealthAI funcionará como unha ventanilla única onde as demandas das startups e pemes máis innovadoras impulsarán o desenvolvemento da fábrica. Por exemplo, 1HealthAI poderá ofrecer unha ampla gama de servizos para o rastrexo e seguimento de patóxenos, bioinformática, datos abertos, adestramento de modelos soberanos con datos europeos, axuste fino de modelos de IA, curación de datos e soporte, recomendacións legais para o cumprimento da normativa europea de IA, e moitos outros.
Para levar a cabo con éxito esta iniciativa, buscamos profesionais comprometidos e proactivos con perfís diversos. Se te motiva a posibilidade de que o teu traballo teña un impacto real na saúde global e no medio ambiente, e de contribuír á soberanía tecnolóxica de Europa, nos próximos meses teremos varias oportunidades de emprego que poden interesarche.
Algúns dos perfís que poden ser do noso interese inclúen:
- Liderado Executivo e Estratexia: Líderes con visión estratéxica para impulsar a participación de alto nivel no ecosistema, a representación institucional, o cumprimento da normativa europea de IA e as operacións diarias de marcos de colaboración público-privada a gran escala. (Perfís: Director/a da Fábrica de IA, Xestor/a de Proxectos)
- Ecosistema de Pemes, Divulgación e Academia: Especialistas para explorar proactivamente o mercado europeo de Unha Soa Saúde, xestionar convocatorias abertas, facer seguimento do impacto empresarial mediante CRM, liderar estratexias de comunicación e despregar plataformas educativas, microcredenciais e bootcamps especializados. (Perfís: Coordinadores/as de Hub, Catalizadores/as de Negocio, Especialistas en Comunicación e Divulgación, Especialistas en Formación)
- Infraestrutura Técnica e Operacións: Expertos/as para xestionar o superordenador de IA da Fábrica, instalar e adaptar plataformas de software especializadas, implementar políticas de seguridade de primeiro nivel, optimizar a eficiencia enerxética e coordinar o proceso de incorporación de novas empresas. (Perfís: Xestores/as de Sistemas, Administradores/as de Plataformas e Redes, Expertos/as en HPC, Especialistas en soporte a pemes)
- Enxeñaría Avanzada de IA, Datos e “Unha Soa Saúde” (Senior e Junior): Enxeñeiros/as, técnicos/as e investigadores/as para desenvolver proxectos de IA aplicados a Unha Soa Saúde orientados á transferencia ao sector produtivo. Valórase experiencia en áreas como ML, MLOps, LLMs, visión por computador, optimización de modelos de IA en contornos de supercomputación (HPC), deseño de arquitecturas de plataformas de orquestración de datos seguras, ou adestramento de modelos con datos xenómicos, epidemiolóxicos ou clínicos. (Perfís: Especialistas en IA, Especialistas en Datos, Especialistas en IA aplicada a áreas de Unha Soa Saúde, Especialistas en HPC, Investigadores/as orientados/as á transferencia)
- Apoio Administrativo, Legal e Ético: Profesionais que garantan o estrito cumprimento da normativa europea e nacional en materia ética e legal, así como da regulamentación financeira de Horizonte Europa, xestionen as xustificacións económicas e coordinen a incorporación de recursos humanos. (Perfís: Especialistas Legais, Técnicos/as de Administración e Recursos Humanos)
Que ofrecemos:
- Formar parte dunha infraestrutura paneuropea cohesionada e multinivel.
- Acceso a infraestruturas de supercomputación a escala europea (FinisTerrae IV, Superordenador da Fábrica de IA).
- Acceso a outras infraestruturas de vangarda (QMIO, ligazón QKD, etc.).
- Oportunidades de colaboración con outras Fábricas de IA europeas e institucións e empresas europeas.
- Un contorno de traballo estimulante, flexible, dinámico e colaborativo.
- Salarios competitivos acordes co nivel de responsabilidade e axustados ao custo de vida en Santiago de Compostela.
O CESGA está comprometido coa igualdade de xénero e anima ás mulleres a manifestar o seu interese en contribuír ao obxectivo da iniciativa de acadar polo menos un 35% de participación feminina.
Mostra o teu interese aquí 👇
https://calls.cesga.es/EOI%201HealthAI%20Factory