De novo o CESGA organiza a xornada anual de visibilización as científicas e profesionais galegas que forman parte do mundo das tecnoloxías (as STEM) dende as súas actividades laborais. Esta actividade está dirixida ao alumnado de primaria e secundaria de centros educativos de toda Galicia, e permite un coñecemento cercano e directo das e dos estudantes á realidade do eido tecnolóxico e a traxectoria destas profesionais, cara a romper moitos estereotipos asociados ao sector, e a coñecer polo miudo o que supón traballar “nas TIC” e “coas TIC”. Esta xornada, que leva organizándose dende o 2013, iniciouse no marco do proxecto europeo promovido polo CESGA “ICT-Go-Girls” (www.ictgogirls.eu) que foi destacada pola propia Comisión Europea no 2016 como unha das “Mellores prácticas” para a promoción das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas de secundaria.

A xornada comezará pola mañá cun coloquio mediante multiconferencia web na que participarán 4 profesionais galegas que traballan a diario coas tecnoloxías, que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo a súa traxectoria, e o papel que xoga a tecnoloxía pode aportar no seu campo. Dende os centros escolares de primaria e secundaria, rapazas e rapaces enviaránlles en directo as súas preguntas e inquedanzas. Nesta edición participarán como protagonistas:

Antía Fernández López, enxeñeira de Telecomunicacións, Directora de innovación para mercados estratégicos en GRADIANT; Lorena Fernández Fernández, matemática e técnica superior investigación en intelixencia artificial no ámbito industrial no CESGA; Olalla Rama García, enxeñeira informática e auditora de ciberseguridade e Noemi Basanta Cheda, arquitecta experta en urbanismo que traballa deseñando espazos de xogo infantil en Galopín Playgrounds.

En esta XII edición o CESGA, que coorganiza tradicionalmente esta actividade coa Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Igualdade), así como co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, conta coa participación do CITIUS da USC. Esta institución súmase á colaboración xa presente nas anteriores edicións da U. de A Coruña (Fac. Informática) e U. de Vigo (Fac. de Enxeñería de Telecomunicación), e a propia USC (Fac. de Ciencias da Educación, Woman Emprende e OIX), así como as asociacións AMIT-Gal e .Gal, Hello Sisters! e GalsTech.

Pola tarde, a actividade trasladarase dende o CESGA ata o CITIUS polo campus da USC coa “Ruta das exploradoras dixitais”, unha proposta lúdica e de descubrimento de referentes históricas e científicas actuais na tecnoloxía, destacando figuras como Grace Hopper, Hedy Lamarr, Gladys Mae West, Margaret Hamilton e Ángela Ruíz Robles. Haberá visitas guiadas ao supercomputador FinisTerrae III e ao ordenador cuántico Qmio, e demostracións tecnolóxicas, todo baixo a guía das nosas científicas de CESGA e CITIUS. Ada Lovelace, a primeira programadora da historia, fará de guía no camiño!

Para estas actividades é necesario realizar a inscripción previa a través da web https://www.ictgogirls.eu