O Demostrador Multisectorial DATAlife ten como obxectivo que as empresas, especialmente pemes e startups, poidan experimentar e realizar probas de concepto baseadas na compartición e explotación de datos, permitindo así o desenvolvemento de prácticas innovadoras no uso e compartición de datos e na xeración de novos produtos e servizos, que permitan mellorar a competitividade e proxección internacional.

Preténdese así reducir as principais barreiras que teñen as empresas e entidades á hora de compartir datos e facilitar unha economía do dato sólida e colaborativa. O demostrador baséase na creación dunha plataforma descentralizada, segura e interoperable, aliñada cos estándares europeos e internacionais, que proporcionará un contorno de compartición soberana de datos e a súa explotación, aproveitando os recursos singulares de computación ofrecidos polo CESGA. Outra vantaxe do demostrador é que se baseará nun sistema empaquetado (espazo de datos como servizo), así como noutros compoñentes de software de código aberto e tecnoloxía desenvolvida en España. Estes compoñentes poderán evolucionar sen depender de terceiros para satisfacer as especificacións dos seus usuarios e converxer cos estándares que permitirán a súa integración con outros demostradores interoperables e cos espazos de datos comúns europeos en desenvolvemento.

O Proxecto DEMOSTRADOR MULTISECTORIAL DATALIFE financiado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública co obxectivo de dispoñibilizar o acceso, os medios de compartición segura e soberana dos datos, ademais dunha infraestrutura cloud dotada de modernos e potentes medios de computación, tanto a nivel de hardware como de software, para toda a cadea de valor, desde un punto de vista holístico que inclúa datos relacionados coa saúde humana, a saúde animal, o medio ambiente (calidade da auga, biodiversidade, climatoloxía, etc.), os biorrecursos (mar-pesca, agricultura, gandaría, forestal), os residuos como recursos a valorizar, alimentación (laboratorios de control de calidade/analíticos, cultivos e o seu aproveitamento, etc.), saúde (datos fisiolóxicos, xenéticos, hábitos saudables, saúde mental…) e coidados (parámetros ambientais, fogar, residencias, centros de día…). Ademais, vincularase aos recursos de innovación (servizos, infraestruturas e know-how).


Estas contratacións serán financiadas exclusivamente dentro do Compoñente 12 (Política Industrial España 2030) Investimento 1 (Espazos de datos sectoriais) e Obxectivo CID 180 (Grandes espazos de datos sectoriais e interoperables de alto valor), do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR)_ NextGenerationEU e o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, imputándose á partida orzamentaria 33-50-46LA-750.20 e co número de expediente TSI-100120-2024-12.
As contratacións suxeitaranse por tanto, á normativa do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, en particular, ao Regulamento (UE) número 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, á Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, á Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro e a Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia.