Descrición do posto de Técnico/a superior de investigación en HPC

O posto está enfocado á prestación de servizos científico-técnicos avanzados en computación de altas prestacións (HPC) e tecnoloxías asociadas, orientados ao apoio directo á actividade investigadora e de transferencia, mediante o deseño, implantación, mantemento e mellora de plataformas, contornas e aplicacións científicas sobre as infraestruturas do CESGA, así como a súa aplicación a casos de uso de grupos e proxectos de investigación, incluíndo a elaboración de informes, estudos e análises e a participación na xestión técnica e execución de actuacións e proxectos de I+D+i, consonte coa misión do CESGA e a súa condición de ICTS infraestrutura científico-técnica singular ao servizo do sistema de I+D+i.

Descrición do posto de Técnico/a superior de investigación en tecnoloxía educativa

O posto require unha alta especialización pedagóxica e informática na área de tecnoloxía educativa en contornas de recursos computacionais avanzados. O posto está orientado á prestación de servizos científico-técnicos avanzados e desenvolver actividades de I+D+i no ámbito da Tecnoloxía Educativa e a e-colaboración, orientados ao apoio directo á actividade investigadora e de transferencia, mediante a investigación, deseño, implantación e validación de solucións tecnolóxicas innovadoras (Intelixencia Artificial, VR/AR, analítica de datos, plataformas de aprendizaxe e colaboración, microcredenciais, cuántica, e outras) e a súa implantación, mantemento e mellora sobre as infraestruturas do CESGA, así como a colaboración co resto do centro no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a comunidade investigadora.

A Fundación CESGA comprométese, no establecemento e desenvolvemento de políticas que integren a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes, sen discriminar directa ou indirectamente por razón de sexo, así como no impulso e fomento de medidas para conseguir a igualdade real no seo da nosa organización, establecendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como un principio estratéxico da nosa Política Corporativa e de Recursos Humanos, de acordo coa definición do devandito principio que establece o Decreto Lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027.