As persoas candidatas incorporaranse ao CESGA no departamento de Aplicacións e Proxectos na área de Tecnoloxías Cuánticas. A súa función como investigador/a é contribuír ao desenvolvemento da liña de investigación en computación cuántica, coa posibilidade de liderar equipos de investigación propios no marco do proxecto Qatalyze.
Este proxecto busca desenvolver unha plataforma e algoritmos híbridos cuántico-clásicos optimizados para o descubrimento de novos materiais e catalizadores. Este enfoque permitirá abordar problemas computacionalmente inabarcables mediante técnicas tradicionais, establecendo unha metodoloxía disruptiva para a optimización de procesos complexos.
O proxecto baséase na experiencia do consorcio participante, no que a empresa QCentroid aportará o seu coñecemento do mercado e o desenvolvemento da súa plataforma Quantum Machine Learning as a Service (QMLaaS), mentres que CESGA e Gradiant contribuirán coa súa ampla experiencia no campo da computación cuántica. Neste sentido, o proxecto busca responder á crecente demanda de infraestruturas QaaS que democratizan o acceso á computación cuántica no sector privado, reducindo a brecha co ámbito académico. A diferenza das solucións actuais, que requiren unha configuración manual complexa, a plataforma integrará unha arquitectura de orquestración intelixente, capaz de seleccionar automaticamente a mellor combinación de hardware e software para cada problema.
| Referencia | Postos | Prazas | Data límite solicitudes |
|---|---|---|---|
| QATALYZE-26-TINVPD1 | Técnico/a de Investigación posdoutoral en tecnoloxías de computación cuántica | 1 | 01/06/2026 |
| QATALYZE-26-TSINV1 | Técnico/a de Investigación en tecnoloxías de computación cuántica | 1 | 01/06/2026 |
A Fundación CESGA comprométese, no establecemento e desenvolvemento de políticas que integren a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes, sen discriminar directa ou indirectamente por razón de sexo, así como no impulso e fomento de medidas para conseguir a igualdade real no seo da nosa organización, establecendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como un principio estratéxico da nosa Política Corporativa e de Recursos Humanos, de acordo coa definición do devandito principio que establece o Decreto Lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027.