Presentación do proxecto Avatiñ@ no CESGA: un avatar robótico accesible e social para escolares hospitalizad@s

Raúl Trillo, TFG-USC

Onte tivo lugar no CESGA a presentación do proxecto Avatiñ@, promovido desde a área de e-learning na liña de investigación en Tecnoloxía Educativa. O evento serviu tamén como acto de peche do traballo de fin de grao (TFG) de Raúl Trillo, alumno de grao de robótica da USC, que liderou esta fase do deseño e posta en marcha do prototipo.

Avatiñ@ é unha proposta de avatar robótico aberto, social e personalizable, deseñado para escolares hospitalizade@s co obxectivo de posibilitar a súa presenza remota na aula e a súa integración na vida escolar durante os períodos de ausencia por motivos de saúde. O proxecto enmárcase nunha liña de traballo previa do CESGA no ámbito da tecnoloxía educativa e a saúde, e contou coa colaboración do Grao de Robótica (https://www.usc.gal/es/estudios/grados/ingenieria-arquitectura/grado-robotica-2a-edicion) e do Grupo de Investigación TecnoEduc (https://www.tecnoeduc.es/) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O proxecto contempla a súa futura validación en contornas reais, o desenvolvemento de novas funcionalidades adaptadas a distintos perfís e a creación dunha comunidade aberta ao redor de Avatiñ@.

Con iniciativas como esta, o CESGA avanza no seu compromiso cunha tecnoloxía educativa inclusiva e centrada nas persoas.

Máis información:
María José R. Malmierca
Depto. E-learning – CESGA
📧 mjrm@cesga.gal