Un ano máis, o Cesga súmase á celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC o vindeiro 23 de abril.

Xunto á Dirección Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) organizamos un faladoiro virtual aberto con catro mulleres galegas que traballan no mundo da tecnoloxía desde distintos eidos, pensando específicamente no alumnado dos últimos ciclos de primaria e secundaria de Galicia.

O alumnado participante poderá aprender das súas testemuñas, traxectorias, experiencias, dificultades e éxitos, ademais de plantexar preguntas e dúbidas e  recibir valiosos consellos.

✍🏼 Inscricións xa abertas!

Participantes no Faladoiro do Día das Rapazas nas TIC 2026

Para este 2026, contamos con catro investigadoras de áreas diversas, cuxa experiencia e reflexións servirán para poñer voz e cara a unha realidade na que aínda queda moito por facer: a do acceso das mulleres á formación e aos traballos no campo das TIC. As nosas convidadas deste ano, e outras moitas mulleres que abriron camiño para as máis novas, atesouran leccións moi valiosas que, con seguridade, servirán para animar ás profesionales do futuro.

Axúdanos a difundir!

Atoparás todos os detalles sobre esta xornada nas redes sociais de #ICTGoGirls

O vídeo íntegro do faladoiro publicarase a posteriori en Youtube e engadirase a esta lista de reproducción, onde podes ver contidos de anos anteriores.

Este encontro é un dos moitos xeitos nos que podes participar e poñer un gran de area na visibilización deste Día Internacional. Queres saber que podes facer ti? A Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), o organismo da ONU especializado en tecnoloxías dixitales e promotor desta efeméride, pon ao teu dispor unha serie de materiais cheos de ideas que podes adaptar á túa contorna para unirte á campaña #GirlsInICT.

Descarga o Toolkit (en inglés)