Os días 17 e 18 de decembro, o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela acolleu a segunda edición da International Quantum Business Conference 2025, un evento internacional no que se deron cita os principais actores do ecosistema cuántico. Investigadores, centros tecnolóxicos, empresas, universidades e administracións públicas compartiron espazo e coñecementos baixo un marco común: posicionar as tecnoloxías cuánticas e a intelixencia artificial como base da transformación dixital no ámbito da supercomputación.

Temas principais

Máis de 70 intervenciónes internacionais, clasificadas na súa maioría baixo as temáticas Business Track, Scientific TrackTechnology Transfer Track, ofreceron aos asistentes unha panorámica global sobre a presenza das tecnoloxías cuánticas en diferentes ámbitos de aplicación e rexións xeográficas. Entre elas, destacaron:

  • Casos de uso industriais: Expuxéronse aplicacións reais de tecnoloxías cuánticas en sectores estratéxicos como automoción, finanzas e saúde.
  • Enfoques híbridos cuántico-clásicos: Abordouse a combinación da computación cuántica e clásica como vía para resolver distintos desafíos da actualidade.
  • Quantum Flagship da CE: Destacouse a importancia dos centros de supercomputación como impulsores da innovación cuántica en territorio europeo.
  • Colaboración entre a Unión Europea e Xapón: Tratouse a cooperación entre a Unión Europea e Xapón como condición de posibilidade para acelerar o desenvolvemento do ecosistema de forma adecuada.

Para tratar todas estas temáticas, contouse coa presenza dalgúns dos seus principais implicados: Shintaro Sato (director do Quantum Laboratory Fujitsu Research), Carmen Cotelo (directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN), Román González (conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia), Lois Orosa (director científico do Cesga) e Almudena Justo (directora internacional do Quantum Center Fsas Technologies), entre outros.

Cesga e Quorum Spain, protagonistas

O Cesga colaborou, un ano máis, con Fsas Technologies (Fujitsu) e a Xunta de Galicia para trasladar á comunidade galega o estatus de referencia que tanto tempo leva traballando neste ámbito. Lois Orosa, director científico do centro, participou na primera mesa redonda aportando a súa visión sobre os centros de I+D como actores chave na próxima gran transformación tecnolóxica, impulsada pola converxencia entre a inteligencia artificial e a computación cuántica.

Andrés Gómez, administrador de aplicacións e proxectos do Cesga, tomou a palabra na presentación dos resultados do proxecto Quorum, o cal estivo desenvolvendo unha intensa actividade centrada na formación, na divulgación e na conexión co ecosistema cuántico en España, ao cal se adscriben entidades como o Cesga, Gradiant, a Xunta de Galicia, FsasTechnologies (Fujitsu), Fidesol, Itecam e QCentroid.

Sen esquecer o papel da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A súa directora, Carmen Cotelo, fixo énfase nos fitos acadados este 2025: o mencionado proxecto Quorum, 1HealthAI Factory ou a participación na European Quantum Technologies Conference 2025 en Dinamarca.

En conclusión, a II International Quantum Business Conference destacou a influencia da computación cuántica na transformación industrial, salientando os casos de uso, as infraestruturas avanzadas e as sinerxías internacionais.

QUORUM SPAIN é un proxecto subvencionado polo CDTI e financiado con fondos Next Generation da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.