O pasado 21 de xaneiro recibiamos no CESGA a un grupo duns 20 alumnos do VIII Curso de Xestión e Dirección de STIC e Seguridade da Información (Máster Universitario en Dirección TIC para a Defensa | Máster DIRETIC), un encontro xa case tradicional que nos ofrece a oportunidade de amosar as capacidades de supercomputación e computación cuántica do noso Centro.

O grupo puido percorrer o centro de datos e coñecer in situ a infraestrutura e o funcionamento do Finisterrae III e do QMIO, ademais de recibir unha formación centrada en aspectos técnicos como o despregamento de redes de fibra óptica, computación, cifrado e comunicacións cuánticas a cargo os nosos compañeiros Juan Villasuso, técnico superior comunicacións, e Irais Bautista, coordinadora de proxecto Quantum Spain. Tamén se realizou un repaso ás novas capacidades que terá o Cesga tras a renovación tecnolóxica do nodo de computación e datos, un proceso que traerá unha nova xeración de supercomputador (Finisterrae IV) e dous novos computadores cuánticos.

Desde o CESGA, agradecemos o interese do profesorado do Máster DIRETIC por mostrar ao seu alumnado o traballo do noso centro en prol dunhas comunicacións seguras e a infraestrutura despregada para contribuír á mellora da defensa, a seguridade e a soberanía dos datos máis sensibles.