O vindeiro mércores 22 de xullo, o CESGA celebra no CIMUS o Encontro de Presentación de Resultados do proxecto OneHealth DataSpace.
Durante a xornada presentaranse os principais resultados do proxecto, algúns dos seus casos de uso e as oportunidades de futuro que abre esta iniciativa, antesala da futura 1HealthAI Factory. Ademais, darase a coñecer o Espazo Nacional de Datos de Saúde e o Espazo Europeo de Datos de Saúde.
Ao longo destes dous anos de traxectoria, OneHealth DataSpace impulsou a compartición e explotación segura de datos baixo o enfoque One Health, conectando entidades dos ámbitos da saúde humana, animal e medioambiental, xa sexan universidades, centros de investigación ou empresas, mediante capacidades avanzadas de HPC, Big Data, Cloud e Intelixencia Artificial.
📅 Mércores, 22 de xullo de 2026 | 🕚 11:00 – 13:30h
📍 Salón de Actos do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), Santiago de Compostela
Inscrición previa: https://forms.gle/U8nRPdvcBquNe19v6
PROGRAMA
| 11:00h | Apertura institucional
Mabel Loza, Directora Científica do CIMUS |
| 11:10h | Presentación do Espazo Nacional de Datos de Saúde (ENDS)
Manuel Brocos, Dirección Xeral do Dato (SEDIA) |
| 11:30h | Presentación do European Health Data Space (EHDS)
Lucía Escapa Castro, xefa do Gabinete da Secretaría Xeral de Salude Dixital, Información e Innovación do SNS do Ministerio de Sanidade |
| 11:50h | Presentación de Resultados de OneHealth DataSpace
O equipo de OneHealth DataSpace expoñerá os principais aspectos e fitos alcanzados polo proxecto ao longo das súas diferentes fases, repasando a súa evolución, os avances logrados e os resultados máis salientables. |
| 13:00h |
Casos de uso de OneHealth DataSpace Saúde medioambiental: Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). Centro Nacional de referencia en investigación mariña, observación oceánica e asesoramento científico-técnico. Presenta un caso de uso de cálculo da probabilidade de aparición de caravelas portuguesas nas praias de Galicia. MeteoGalicia. Organismo dependente da Dirección Xeral de Cambio Climático e Enerxías Renovables da Xunta de Galicia encargado da predición meteorolóxica do territorio galego mediante modelos de alta resolución. Presenta o caso de uso WRF-Fire para simulacións enfocadas en mellorar o rendemento dun modelo de propagación de incendios forestais. Saúde animal: Consuvet. Consultoría veterinaria especializada en xestión e rendibilidade das explotacións gandeiras. O seu caso de uso utiliza un conxunto de datos estruturado completo de clasificación de enfermidades animais baseado nos estándares oficiais da WOAH/OIE. Traballa para informatizar e clasificar a información dos casos clínicos veterinarios de forma que permitan enriquecer os resultados da investigación sanitaria no ámbito OneHealth. Saúde humana: MD.USE/USC. MD.USE é unha spin-off da USC fundada en xullo de 2015 por un equipo liderado por un grupo de investigadores senior con ampla experiencia en simulación computacional dunha gran variedade de sistemas moleculares. Mostra os resultados do seu caso de uso de modelización molecular, simulación computacional e técnicas de aprendizaxe automática para estudar interaccións entre ligandos bioactivos e sistemas encapsuladores ou excipientes funcionais de interese en saúde. GrHeCo-Xen. (Grupo de Hematoloxía Computacional e Xenómica) é un grupo de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). O equipo destaca por usar intelixencia artificial para predicir riscos e avaliar interaccións de fármacos en cancros hemáticos como as síndromes mielodisplásicas. GrHeCo-Xen contribúe cun caso de uso que aplica computación de alto rendemento ao cribado de milleiros de ligandos fronte a EGFR. Combina cálculos concorrentes de docking molecular con dinámica molecular acelerada por GPU para avaliar e priorizar compostos candidatos. Más Método. Más Método Consultoría aplica ciencia de datos e IA á xestión sanitaria territorial, integrando actividade asistencial, demografía, xeografía e climatoloxía para construír perfís comparables de Zonas Básicas de Saúde e apoiar decisións de planificación, priorización e prevención. De la Fuente Lab. Este equipo da Universidade de Pensilvania, transdisciplinar e diverso, emprega o poder das máquinas para acelerar descubrimentos en bioloxía e medicina, cun enfoque nas biomoléculas funcionais máis pequenas da vida (péptidos) e os organismos vivos máis simples (bacterias). Contribúe cun caso de uso consistente en realizar Fine-tuning mediante técnicas LoRA do modelo xenómico Evo 2 de diferentes tamaños con xenomas virais. |
| 13:30h | OneHealth DataSpace como punto de partida cara á 1HealthAI Factory
Javier Cacheiro, director Científico de OneHealth DataSpace do CESGA |
g
