O vindeiro venres 31 de outubro o Consello da Cultura Galega (CCG) acolle a presentación “25 anos escavando na antiga Tebas (Luxor, Exipto): o Proxecto Djehuty, unha xornada divulgativa aberta ao público para celebrar e analizar os resultados dun cuarto de século de investigación e traballos arqueolóxicos nun dos enclaves máis prolíficos do mundo. O acto contará coa participación de José Manuel Galán, director do proxecto, e de Emilio Ángel Abad Vidal, técnico superior do CESGA especializado en SIG.

  • Data: Venres 31 de outubro de 2025
  • Hora: 18:00 horas
  • Lugar: Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2ª planta, Santiago de Compostela)
  • Entrada: Libre ata completar aforo (100 prazas)

Inscrición e máis información

Consulta os detalles do programa en PDF

Tecnoloxía galega no antigo Exipto

O CESGA participa neste proxecto desde o ano 2019 como provedor de datos xeoespaciais e co desenvolvemento dun sistema de información xeográfica que permite o acceso libre aos datos máis destacados do Proxecto Djehuty, achegando as súas capacidades e experiencia nesta disciplina cuxo achegue ao estudo do patrimonio arqueolóxico é fundamental.

O noso persoal colabora directamente sobre o terreo nas campañas arqueolóxicas que se realizan xacemento de Luxor en labores como toma de datos, topografía e modelaje.

Queres saber máis sobre a orixe e o desenvolvemento desta escavación? Convidámosche a ver esta reportaxe de Informe Semanal y, por suposto, a participar nesta xornada divulgativa.