Premio ICARUS RuralSchoolCloud

Onte falláronse na Universidade de Santiago de Compostela os premios ICARUS, onde se recoñece a aplicación social e económica do resultado das teses doutorais, TFMs e TFGs.

A tese doutoral da nosa compañeira, responsable da área de e-learning do CESGA, María José R. Malmierca: ‘A integración da tecnoloxía de computación na nube no proceso de ensino-aprendizaxe: O proxecto RuralSchoolCloud” (https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/27569) obtivo o primeiro premio na categoría de tese das áreas de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas.

A tese premiada onte é o resultado dunha exitosa iniciativa de proxectos de análise e aplicación de tecnoloxías de computación na nube e software aberto para mellorar os procesos de ensino, aprendizaxe e colaboración en escolas rurais (principalmente CRAs) a nivel nacional e europeo. A tese foi codirixida polas Dras. Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante, respectivamente coordinadora e IP(investigadora principal) do grupo de investigación educativa Tecnoeduc (https://www.tecnoeduc.es) na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Premio ICARUS RuralSchoolCloud

O programa ICARUS premia o resultado dunha investigación en tecnoloxía educativa que implicou unha exitosa transferencia de coñecemento entre institucións públicas e privadas galegas para beneficio directo para a sociedade. Desde 2014 transferíronse por parte do CESGA os resultados e software da iniciativa á Consellería de Educación e AMTEGA, responsables de ofrecer servizos educativos e informáticos aos centros escolares galegos. Desde 2016 esta solución “Rede de Escolas na Nube” está ao dispor de todas as escolas rurais (CRAs) por parte da Xunta.

O CESGA, desde o ano 2010, é pioneiro na exploración deste ámbito de aplicación da computación na nube en escola rural. O proxecto RuralSchoolCloud, baixo a coordinación do CESGA, implicou a 7 institucións de 6 países europeos, na experimentación de solucións baseadas en computación na nube e código aberto para mellorar a colaboración e a aprendizaxe en centros escolares de contornas rurais e/ou illados europeos. Para máis información http://rsc-project.cesga.es/.

O proxecto precedente, “Rural School Communities for Education in the Cloud” foi seleccionado e financiado por HP Labs en 2010 como un dos tres máis relevantes no ámbito da computación cloud e a educación a nivel mundial. Os resultados destas iniciativas foron valorados moi positivamente pola administración educativa e a comunidade escolar e foron premiados a nivel nacional e internacional en diversas ocasións.