O pasado mércores 13 de novembro, o CGAC acolleu unha das actividades máis esperadas da Semana da Ciencia do IGFAE: un concerto de Sumrrá (Manuel Gutiérrez ao piano, Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo e LAR Legido á batería)… pero non uno calquera! A cita musical, unha iniciativa de CESGA e IGFAE, foi unha unión de ciencia e arte que fixo as delicias dun público que acudiu en masa ao auditorio do museo, pese ao tempo chuvioso e desapracible tan típico do outono compostelán.
Para entrar en materia, os compoñentes de Sumrrá conversaron co profesor da Facultade de Física da USC e investigador do IGFAE Manuel Caamaño sobre o proceso de creación dos temas que compoñen o seu disco ‘7 visións’, a súa forma de entender a música e, sobre todo, as súas inquietudes científicas (quixo a casualidade que LAR Legido preguntase pola nova sobre unha tormenta solar que, xusto nese momento, chegaba á Terra) e como estas acabaron transformándose nos sete temas do disco.
Tras esta animada conversación, na que se notou ben a dedicación e infinita curiosidade que move a Sumrrá, comezou unha viaxe sonora que levou aos presentes, entre outros lugares, á creación do universo, a Alexandría, á evolución humana ou aos baleiros e silencios do cosmos. O colofón do concerto foi a interpretación dun tema inédito, creado ex profeso para a Semana da Ciencia, e que pode considerarse como a ‘oitava visión’ do disco máis científico do trío galego: ‘O zoom cuántico ‘. Neste vídeo podes escoitar (e ver) un fragmento.
Desde o CESGA, agradecemos a Sumrrá a súa colaboración e predisposición para formar parte desta actividade que tan bo sabor de boca deixou en todos os presentes. Unha bonita forma de mostrar – e demostrar- que a ciencia, mesmo a máis punteira e abstracta, pode transformase tamén nunha creación artística do máis alto nivel.
Explora a galería de imaxes do concerto!
GALERÍA DE IMAXES DO CONCERTO
- CESGA / Cristina S. Marchán
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- Fuente: CESGA / Cristina S. Marchán
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- CESGA / Cristina S. Marchán
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- Fuente: CGAC Autor: Esteban Delaiglesia
- CESGA / Cristina S. Marchán
- CESGA / Cristina S. Marchán













