CICLO DE CONFERENCIAS ARTE E CIENCIA ENTRELAZADAS

Colaboración CGAC – CESGA – IGFAE

CONFERENCIA DE JAVIER ARGÜELLO

Venres 26 de abril de 2024 / Horario: 18:00 h/ Auditorio do CGAC/ Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

HABÍA UNHA VEZ O UNIVERSO

Unha visita ao acelerador de partículas máis grande do mundo

Desde hai máis dunha década, Javier Argüello participa en foros multidisciplinares con científicos e humanistas que teñen como obxectivo a posta en común e o enriquecemento das miradas coas que as distintas disciplinas abordan o mundo. A partir da súa última visita ao Gran Colisionador de Hadrones do CERN- o maior acelerador de partículas do planeta- e das conversas mantidas cos físicos que alí traballan, esta conferencia xirará arredor do momento actual da física, ao que se pode e ao que non se pode coñecer a través do método científico, ao papel da conciencia na creación da realidade e ao que as estruturas narrativas teñen para dicir ao respecto.

Javier Argüello (Santiago de Chile, 1972) é escritor de conto, novela e ensaio. Publicou os libros Siete cuentos imposibles (Lumen, 2002), El mar de todos los muertos (Lumen, 2008), La música del mundo (Galaxia Gutenberg, 2011), A propósito de Majorana (Random House, 2015), Ser rojo (Random House, 2020) e Cuatro cuentos cuánticos (Random House, 2024), os cales foron traducidos a varios idiomas e recibiron diversos premios. É profesor de narrativa e de storytelling , dita conferencias e seminarios e é colaborador habitual do diario El País .