A partir do 6 de febreiro, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) organiza a BrinQo – Quantum Computing Game Jam 2026, un encontro interuniversitario de divulgación da computación e das tecnoloxías cuánticas, no que os participantes crearán un videoxogo como medio para explorar e comunicar conceptos relacionados coa temática.

O evento, enmarcado dentro do proxecto Quorum, desenvolverase durante a semana do 6 ao 13 de febreiro, de forma semipresencial e simultánea nas tres universidades colaboradoras: Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVigo). Os participantes contarán con este tempo para traballar, de forma individual ou por equipos de ata catro persoas, na creación dun videoxogo relacionado coa computación cuántica, de forma que poderán expandir as súas habilidades de programación, creatividade e resolución de problemas á vez que introducen o gran abano de posibilidades que brinda a computación cuántica.

Propostas e requisitos dos videoxogos:

Un xurado, composto por profesionais con coñecementos especializados, encargarase de avaliar as propostas dos participantes. Para ser considerados de temática cuántica, os videoxogos deberán responder, como mínimo, a un dos siguientes criterios:

  • O deseño gráfico ou a estética o xogo fai referencia a elementos da computación cuántica.
  • As normas ou dinámicas do xogo imitan ou se inspiran en comportamentos cuánticos.
  • O videoxogo emprega un computador ou emulador cuántico, xa sexa para definir variables internas con aleatoriedade cuántica ou para executar algunha parte do xogo.

As propostas subiranse á plataforma itch.io, na cal está recollida a información coas condicións de participación e código de conduta.

Calendario do evento:

  • Periodo de inscripcións (ata o martes, 3 de febreiro).
  • Game Jam:
    • Xornada de apertura (6 de febreiro): Presentación presencial do evento en cada unha das universidades colaboradoras, incluindo sesións de introdución á computación cuántica e á creación de videoxogos.
    • Fase de desenvolvemento (6 de febreiro ao 13 de febreiro): Os participantes contan con oito días para traballar sobre os seus proxectos.
    • Entrega de premios (26 de febreiro): Será de forma presencial nas instalacións do Cesga.

Inscrición:

Está permitida a inscrición a tódolos interesados (maiores de 18 anos).

QUORUM SPAIN é un proxecto subvencionado polo CDTI e financiado con fondos Next Generation da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.