CESGA actualiza a súa infraestrutura de servizos CLOUD para investigación e innovación

  • CESGA ven de instalar e poñer en funcionamento un novo clúster de computación dedicada a servizos CLOUD para investigación e innovación.
  • A nova infraestrutura permitirá ao CESGA incrementar a súa participación nas grandes colaboracións europeas nesta área.

 O Centro de Supercomputación de Galicia adquiriu e puxo en funcionamento un clúster de computación dedicada a prestar servizos de cómputo distribuído para investigación e innovación.

O novo clúster de cómputo amplía e complementa a infraestrutura xa en servizo. Achegando en total 6.240 núcleos de proceso, unha memoria agregada de 24 TB e unha capacidade de almacenamento de 3 PB.

En concreto trátase dun conxunto de 114 nodos de computación con 48 núcleos de proceso, 192 GB de memoria e 960 GB de disco en cada nodo. Adicionalmente proporciona 16 nodos de almacenamento con 48 núcleos de proceso, 192 GB de memoria e 193 TB de almacenamento en cada un destes nodos.

Esta ampliación da infraestrutura permitirá atender ás demandas crecentes da comunidade científica, de modo especial aquelas que requiren cálculos de alta produtividade, os cales poden facilmente ser distribuídos entre todos estes nodos. Os usuarios do CESGA beneficiaranse da existencia desta infraestrutura sen ter que realizar cambios nos seus procesos, posto que unha boa parte da mesma incorporarase nunha contorna de cálculo común co supercomputador FinisTerrae

Os grupos usuarios tamén poderán levantar a demanda clústeres virtuais con maior cantidade de recursos computacionais segundo os necesiten.

Esta fórmula de uso é moi apreciada polos grupos de investigación científica usuarios xa que poden delegar traballos computacionalmente custosos en máquinas despregadas no CLOUD- HPC-CESGA ao tempo que manteñen os seus equipos locais operativos para outros traballos.

A adquisición deste equipo foi posible grazas a financiamento finalista para investigación achegada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), polo Ministerio de Ciencia e Innovación (MICIN), así como polos patróns da Fundación CESGA: a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Fai xa máis de 20 anos que CESGA experimenta e provisiona servizos a grupos de investigación facendo uso de tecnoloxías de computación distribuída como é o CLOUD. Esta experiencia permitiulle formar parte de importantes iniciativas e proxectos de computación distribuída a nivel nacional e europeo. Así, CESGA participa nas redes de servizos avanzados de computación da Infraestrutura Europea de Computación Distribuída, European Grid Initiative (EGI), ou o  Cloud Europeo de Ciencia Aberta,  European Open  Science  Cloud ( EOSC).

A través desta última, EOSC, CESGA serve a grandes infraestruturas europeas como son a Common Language Resources and Technology Infrastructure (CLARIN-ERIC) e o European Multidisciplinary Seafloor and Water Column Observatory (EMSO-ERIC).

Técnicos do CESGA participan no desenvolvemento de servizos que facilitan o funcionamento da Infraestrutura Europea de Computación Distribuída (European Grid Infrastructure [ EGI]). Os técnicos do CESGA traballan na verificación da Distribución Universal de Middleware (UMD), a distribución de software de EGI, e o desenvolvemento do middleware de computación da infraestrutura.

A través desta e doutras actividades, CESGA contribúe ao despregamento e funcionamento de varias iniciativas de cómputo distribuído (IBERGRID, a Iniciativa GRID Nacional española, etc.), incluída a maior infraestrutura deste tipo que está en produción na actualidade, a Infraestrutura Europea de Computación Distribuída. Tamén desenvolve e mantén o portal web que se utiliza para a contabilidade da utilización de recursos de computación distribuída.

Ademais de prover coñecementos en computación distribuída e asistencia técnica, o CESGA concentra os seus esforzos na verificación da calidade do software, a migración a unha infraestrutura virtualizada na nube e á coordinación de operacións en IBERGRID. CESGA tamén soporta unha infraestrutura de computación distribuída utilizada para o Observatorio de detección de ondas gravitatorias (LIGO) conxuntamente co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

O equipamento adquirido foi cofinanciado coa axuda de referencia  “EQC2019-005373- P Actualización do sistema de computación cloud e procesamento de datos do CESGA 2019″, obtida na Convocatoria Adquisición equipamento Científico-Técnico 2019 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Este equipo finánciase nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do Programa Operativo FEDER  Plurirrexional de España 2014-2020 ( POPE), no Eixo Prioritario 01 (Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación), na Prioridade de Investimento 1ª (Mellora das infraestruturas de I+i e as capacidades para impulsar a excelencia en materia de I+i, e fomento dos centros de competencias, en particular os de interese europeo) e no  Obxetivo Específico  OE010102 (Fortalecemento das institucións de I+D e creación, consolidación e mellora das infraestruturas científicas e tecnolóxicas).

 

Entidades