CESGA, a través da súa participación no proxecto  TRAFAIR contribúe ao Premio por Aire Limpo outorgado á cidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela foi distinguida como a cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire que respiran os seus cidadáns e cidadás polo xurado do Premio X Aire Limpio, organizado pola Plataforma X Aire Limpio. Recoñécese así o carácter innovador e colaborativo do proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality). O acto de entrega dos premios, que contará con representación institucional na plantación dunha árbore como símbolo da renaturalización das cidades, realizarase cando a situación sanitaria o permita.

O xurado destacou a cidade de Santiago de Compostela, na categoría de cidades de menos de 100.000 habitantes, en recoñecemento ao rigor científico do proxecto TRAFAIR e a utilización polo mesmo de novas tecnoloxías e o desenvolvemento de servizos innovadores e sostibles para producir nova información robusta e fiable. Ademais, destacaron a valiosa e pioneira xeración de coñecemento que xorde ao cooperar administracións públicas e universidades de España e Italia, tal y como recollía a candidatura de Compostela.

PROXECTO TRAFAIR

TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality) é un proxecto europeo no que, ademais do Concello de Santiago e da USC -a través do CiTIUS e do CRETUS (Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies), participan tamén o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), e outros seis socios europeos. O seu obxectivo é estudar a calidade do aire en función das condicións climatolóxicas e do tráfico rodado. Os resultados que se acaden permitirán ás administracións ter datos que permitan cuantificar a polución no aire e o xeito en que se distribúe polas cidades; e adoptar as medidas necesarias para diminuír dito impacto. Ao mesmo tempo, permite concienciar a cidadanía e as institucións públicas sobre a calidade do aire que respiramos.

O proxecto TRAFAIR conta cun orzamento de 2.197.530 euros financiado con fondos FEDER para o periodo comprendido entre novembro de 2018 e outubro de 2020. En TRAFAIR colaboran a Universidade de Módena e Reggio Emilia, a Universidade de Florencia, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Módena, a rexión da Toscana, o Concello de Santiago de Compostela, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), a Universidade de Zaragoza e Lepida SpA.

Máis información na Plataforma Por Un Aire Limpio:

https://porunairelimpio.org/nosotros/premio.php

Web do Proxecto TRAFAIR:

http://trafair.eu/