O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) investirá 7 millóns de euros no Finisterrae III, un novo supercomputador que multiplicará por seis a capacidade de cálculo do actual Finisterrae II, ao tempo que proporcionará servizos de almacenamento de moi alta capacidade, reforzando así o servizo de vangarda que o centro presta aos investigadores e á industria galega segundo aprobou o pasado venres, día 5 de xuño, o Consello da Xunta.

A licitación desta infraestrutura será posible grazas a un convenio de colaboración do CESGA co Ministerio de Ciencia e Innovación, e que contará con 5,6 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Segundo o convenio autorizado polo Consello da Xunta, o cofinanciamento nacional será asumido pola Administración autonómica, que, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), achegará 1.050.000 euros, e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que adicará 350.000 euros.

O novo supercomputador, que se espera esté operativo en marzo de 2021, permitirá que os centros de investigación e tecnolóxicos, así como as empresas de Galicia, sigan liderando proxectos de I+D+i e manterá ao CESGA, como un referente da supercomputación nacional e europea.

Deste novo supercomputador beneficiaranse os investigadores das universidades galegas, do CSIC e dos centros tecnolóxicos galegos; os proxectos punteiros, como os de investigación aplicada ao descubrimento temperán de fármacos e ao desenvolvemento de novos materiais; os proxectos de  ultrasecuenciación e xenómica, de astrofísica participados pola Axencia Espacial Europea, e de altas enerxías desenvoltos por grupos galegos en colaboración co  CERN; e os desenvolvementos ligados á reconstrución de imaxe médica de alta resolución e os relacionados coa  covid-19, entre outros.

O Finisterrae III facilitará atraer proxectos que requiran unha grande capacidade de computación e de almacenamento de datos. Tamén permitirá fomentar e promover o uso da supercomputación no ámbito empresarial, especialmente nas pemes, e contribuír á adopción das novas técnicas de intelixencia artificial, machine learnig e deep learning, impulsando a Industria 4.0 e os Hubs de Innovación Dixital de Galicia, dos que forma parte o CESGA.

Máis información:

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49485/xunta-lanza-una-nueva-linea-dotada-con-6-millones-para-grandes-empresas-gallegas