O CESGA inicia o curso piloto de Peneira, unha ferramenta para proxectos de Ciencia Colaborativa en 35 institutos de Galicia
– Preto de 1.000 estudantes participarán na pilotaxe desta plataforma web e móbil gratuíta para a recollida e análise de datos.

A Fundación Pública Galega Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) celebrou onte a sesión de inicio do curso piloto da ferramenta Peneira para validar o proxecto enfocado na ciencia cidadá e a innovación educativa.
Sobre Peneira
Peneira é unha ferramenta web e móbil gratuíta deseñada e desenvolvida polo CESGA especificamente para a Ciencia Colaborativa e Ciencia Escolar. A plataforma permite a investigadores/as e docentes crear e xestionar proxectos multidisciplinares, facilitando que alumnado e colaboradores poidan realizar a recollida de datos de campo de forma sinxela mediante os seus propios dispositivos, mesmo desde sensores conectados a dispositivos externos. Posteriormente, estes datos poden ser descargados e analizados no contexto da aula ou dun proxecto de investigación.
Alcance e participación do curso piloto de Peneira
O curso piloto de Peneira que comezou onte, e que se realiza en colaboración co CIEDIX da Consellería de Educación da Xunta, oito centros educativos galegos e o grupo de investigación TecnoEduc da USC, que dará soporte á avaliación do mesmo.
Esta experiencia contará cunha destacada participación no ámbito educativo galego:
– 35 profesores de 8 institutos de toda Galicia formaranse e guiarán os proxectos.
– Ao redor de 1.000 estudantes involucraranse activamente no desenvolvemento de proxectos de ciencia colaborativa e ciencia cidadá de ámbito educativo ao longo deste curso escolar.
O obxectivo principal é dotar aos centros dunha infraestrutura tecnolóxica aberta para fomentar a aprendizaxe activa, a investigación e o desenvolvemento de competencias científicas no alumnado.
Compromiso coa educación e a investigación
Con esta iniciativa, o CESGA reforza a súa liña de traballo estratéxica de proporcionar ferramentas innovadoras e abertas que fornezan un soporte esencial á educación e á investigación na comunidade galega, impulsando a transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao sistema educativo.
Como se utiliza Peneira? Consulta o manual de uso
Novas relacionadas