A Xunta ten en execución 30M€ no polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, que aspira a multiplicar por cinco este investimento a través dos fondos europeos
- Conde apunta que o primeiro paso que a Xunta xa deu no marco desta iniciativa foi o de adquirir, cun investimento de 13,9M€, un computador cuántico para o Cesga que vai ser un dos máis potentes do sur de Europa
- Tamén se creará un grupo de investigación en computación cuántica; catro laboratorios experimentais; despregarase a primeira liña de comunicación cuántica entre Santiago e Vigo; e levarase esta tecnoloxía ao sector aeroespacial galego a través do Polo Aeroespacial de Galicia
- O obxectivo é que Galicia sexa un referente europeo e internacional en computación e comunicación cuántica de cara ao 2030, tanto a nivel académico e de investigación, como empresarial e comercial
Descarga aquí a Presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
Aquí podes ver os vídeos do Acto de presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que xa ten en execución 30M€ e aspira a multiplicar por cinco este investimento, ata os 150M€, se obtén fondos europeos.
Conde apuntou que o primeiro paso que a Xunta xa deu no marco desta iniciativa foi o de adquirir, cun investimento de 13,9M€, un computador cuántico para o Cesga que vai ser un dos máis potentes do sur de Europa. Este fito, dixo, marcará un punto de inflexión para a transición dixital en Galicia e posiciona o Cesga como locomotora e socio tecnolóxico fundamental do ecosistema galego de I+D+i neste ámbito.
Neste contexto, os seguintes pasos a dar van ser crear un grupo de investigación en computación cuántica; catro laboratorios experimentais; despregar a primeira liña de comunicación cuántica entre Santiago e Vigo; e levar esta tecnoloxía ao sector aeronáutico galego a través do Polo Aeroespacial de Galicia, para afondar en sistemas de comunicación seguros para vehículos aéreos non tripulados ou para a xestión do tráfico aéreo.
Conde explicou que o Polo de Tecnoloxías Cuánticas nace en clave de colaboración porque o deseño de toda esta estratexia fíxose previa consulta a máis dunha trintena de axentes do sistema galego de I+D+i; partindo do propio Cesga, as tres universidades, os centros tecnolóxicos máis o CSIC, o Clúster TIC, empresas e colexios profesionais, e contou, tamén, coas achegas do Centro de Supercomputación de Barcelona que hoxe en día é un referente en toda Europa.
O obxectivo, dixo, é que Galicia sexa un referente europeo e internacional en computación e comunicación cuántica de cara ao 2030, tanto a nivel académico e de investigación, como empresarial e comercial. Para iso, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas vaise apoiar en catro piares: a Universidade, que ha de atraer o talento e formar aos profesionais do futuro; os centros de I+D+i, encabezados polo Cesga, que xerarán novo coñecemento así como novos produtos e servizos baseados en tecnoloxías cuánticas; as empresas e a economía, cos que se traballará para impulsar a innovación e a utilización destas tecnoloxías; e a sociedade, para darlle a coñecer a utilidade desta tecnoloxía e os beneficios alcanzados por investir nela.
Conde concluíu destacando, tamén, a disposición da Xunta a colaborar co Goberno central, como así o está a facer, no marco do Plan complementario de I+D+i en comunicación cuántica. Segundo recoñeceu, Galicia é consciente da relevancia que a comunicación cuántica ten nesta era dixital para resolver as crecentes demandas científico-técnicas de sectores que van desde a medicina ata a loxística, pasando polas telecomunicacións, as finanzas e a propia industria.
Descarga aquí a Presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
Aquí podes ver os vídeos do Acto de presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia