O xoves 9 de abril, a revista Nature publicaba o artigo ‘High-precision calculation of the quark–gluon coupling from lattice QCD’ [dispoñible en acceso aberto]. O traballo, froito dunha colaboración europea, logrou refinar como nunca ata agora o cálculo dun parámetro fundamental que describe a forza que mantén unidos os núcleos atómicos: a constante de acoplamento forte.
Esta constante, que goberna as interaccións entre quarks e gluóns, é esencial para comprender a estrutura da materia a escala subatómica. A mellora na súa determinación vai alén do eido teórico, xa que permitirá interpretar con maior precisión os datos xerados nos diversos experimentos do LHC do CERN.
Entre os autores do artigo figura Alberto Ramos, investigador do IFIC-CSIC e usuario experimentado das capacidades do CESGA. Falamos con el para coñecer o papel exacto que desempeñou o CESGA nesta relevante investigación.
O papel do CESGA: FinisTerrae III como campo de probas

Vista xeral do fluxo de supercomputación aplicado na investigación [Nature]. Clica aquí para ver a imaxe completa.
“O CESGA xogou un papel esencial no proxecto” —explica o investigador— “xa que provee acceso aos investigadores do CSIC sen necesidade de realizar a solicitude cunha idea exacta nin de agardar os resultados dunha avaliación”, engade. “Isto permítenos probar novas ideas, entender como de eficientes son os nosos algoritmos, que partes hai que mellorar, que parámetros hai que simular e cantas simulacións son necesarias para alcanzar unha precisión obxectivo. Esta información é esencial para preparar solicitudes de tempo de cálculo competitivas a nivel europeo”.
Pode que o FinisTerrae III non sexa o ordenador máis potente que usamos, pero ter un acceso directo e rápido aos recursos que ofrece fai posible a investigación de alto nivel que depende de recursos HPC”.
Supercomputación e novos métodos
O logro combina o uso masivo de HPC cun refinamento teórico específico para este estudo, unha poderosa alianza que permitiu acadar unha precisión sen precedentes: o resultado para a constante de acoplamento forte é dúas veces máis preciso que a combinación de todos os datos experimentais combinados. “Nos últimos anos centrámonos en desenvolver métodos específicos para resolver este tipo de problemas de forma numérica. E agora, tras cálculos masivos en supercomputadores, confirmamos que superan con creces as técnicas convencionais”, conclúe Ramos.
Como solicitar acceso e comezar a utilizar as infraestruturas do CESGA?
O acceso a través do CSIC que utilizou Alberto Ramos para esta investigación é só unha das vías que ofrece o CESGA para que todo tipo de persoas e entidades (grupos de investigación, desenvolvedores/as, técnicos/as, centros tecnolóxicos, institucións públicas e privadas, etc.) teñan a oportunidade de utilizar a infraestrutura de supercomputación, computación cuántica, simulación e almacenamento.
- A través da RES, en convocatorias competitivas.
- A través de grupos de investigación das universidades galegas ou do CSIC.
- Mediante convenios institucionais.
Repasa os apartados do menú «Comunidade» da nosa web (especialmente a documentación recollida en «Condicións de uso») para ter un panorama completo e saber que modalidade de acceso se axusta máis ao teu caso. Se tes calquera dúbida, contacta por teléfono ou por correo electrónico e axudarémosche a resolvela.