Contribución de Galicia ao proxecto Quantum Spain
O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno de España, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial lanzou en 2021 unha iniciativa que ten por obxectivo garantir o desenvolvemento de algoritmos cuánticos útiles con especial fincapé no desenvolvemento de Aprendizaxe Máquina Cuántico e hibridación coa Intelixencia Artificial. Cun enfoque dirixido á solución de casos reais, busca fortalecer o desenvolvemento tecnolóxico e industrial en España e a creación de emprego de alta cualificación na área de computación cuántica. A iniciativa, inicialmente denominada Quantum ENIA, executarase a través da Rede Española de Supercomputación (RES) que escolleu a denominación final de Quantum Spain. Este programa está financiado a través dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este programa desenvolverase entre 2022 e 2025.
Galicia participa nesta iniciativa a través do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Universidade de Santiago de Compostela. Por unha banda, CESGA liderará a actividade para o fortalecemento do ecosistema nacional. Esta ten como obxectivo a consolidación dunha comunidade investigadora española na área da computación cuántica. Para iso, a RES dotará ao ecosistema nacional dos recursos técnicos, formativos e de soporte que permitan un rápido crecemento e cohesión da mesma. Isto inclúe:
- A creación dunha rede de técnicos de soporte especialistas en computación cuántica. Para iso contratarase polo menos un técnico en cada un dos centros da Rede Española de Supercomputación. No caso do CESGA, esta contratación ten unha dotación de 200.000€.
- Un programa nacional de formación en computación cuántica.
- O despregamento de emuladores cuánticos integrados nos servizos da RES. Para iso o CESGA conta cun financiamento de 300.000€ para despregar esa nova infraestrutura.
A Universidade de Santiago de Compostela será a responsable do programa nacional de formación computación cuántica, denominado talentQ, dotado cun orzamento de 1.500.000€. Este programa de formación busca a capacitación da comunidade investigadora para poñer en valor a computación cuántica e a infraestrutura despregada. As súas liñas mestras son:
- A formación dos novos técnicos de soporte contratados polo programa.
- A formación de persoas no paradigma da computación cuántica con énfase no carácter aplicado.
- A xeración de talento nun ambiente colaborativo e dinámico.
- A educación de sectores tecnolóxicos e científicos en ferramentas de computación cuántica.
- A creación dunha comunidade de usuarios da nova infraestrutura que se pretende construír.
O obxectivo último de Quantum Spain é establecer a plataforma de acceso na nube que integre as capacidades cuánticas existentes, e xerar en paralelo un gran número de usuarios potenciais.
Máis información:
https://portal.mineco.gob.es/es-es/comunicacion/Paginas/211026_np_cuantico.aspx