En outubro de 2025, o CESGA inauguraba a liña QKD entre Santiago e Vigo, cuxos 120 quilómetros a situaron como a máis longa de España. Agora, esta infraestrutura vai camiño de bater o seu propio récord, cruzando a fronteira para asentarse en territorio portugués, grazas ao proxecto IberianQCI. Pola súa parte, o VQCC poñía en marcha en abril de 2026 a estación óptica terrestre para comunicacións cuánticas Antonia Ferrín.

Este proxecto é un primeiro paso para a integración das infraestruturas cuánticas existentes en España e Portugal mediante sistemas de comunicacións cuánticas ultraseguras e para a súa incorporación á rede europea de comunicacións cuánticas (EuroQCI).

O proxecto IberianQCI despregará unha ligazón terrestre e varias ligazóns satelitais para materializar a comunicación entre ambos países. A ligazón terrestre permitirá engadir á actual conexión entre Santiago e Vigo unha primeira “escala” en territorio portugués, concretamente en Valença do Minho, grazas a unha ampliación de aproximadamente 30 quilómetros. Á ligazón satelital da que dispón o VQCC sumaranse estacións ópticas terrestres en Lisboa, Madrid e Cataluña para a conexión ao satélite Eagle-1, facilitando a comunicación entre comunidades autónomas, países e tamén co resto da rede europea EuroQCI.

A intención é que en fases posteriores a liña chegue ata Lisboa, onde xa existe unha infraestrutura QKD que cobre a área metropolitana da capital. E, do mesmo xeito que deste lado da fronteira habilitamos esta conexión entre Santiago e Vigo, os nosos colegas portugueses do PTQCI están desenvolvendo distintas conexións no seu territorio co obxectivo de contar cunha liña ininterrompida Lisboa-Valença, que pasará por Aveiro e Oporto, para conectarse co territorio galego.

Por que unha rede ibérica de comunicacións cuánticas ultraseguras?

Foto de familia do consorcio do proxecto durante a kick off meeting en Lisboa

A Unión Europea atópase inmersa nun importante proceso de desenvolvemento de infraestruturas e ferramentas tecnolóxicas destinadas a dotala dunha infraestrutura de comunicacións soberana, segura e interoperable, que permita aos Estados membros e á propia Unión como entidade transnacional alcanzar o máis alto estándar de seguridade en puntos estratéxicos como a defensa, a infraestrutura enerxética, o transporte, as subministracións básicas, as operacións financeiras, etc.

A distribución cuántica de claves (QKD) implementada mediante sistemas de comunicacións ópticas constitúe unha das aproximacións máis exitosas á hora de afrontar estes retos de seguridade, nun contexto no que a propia tecnoloxía cuántica pode comprometer a criptografía actual. Porén, as mesmas propiedades que servirían para romper as barreiras poden utilizarse para protexela, e esta é a base do funcionamento das liñas QKD: permite detectar de maneira inequívoca calquera intento de interceptación das claves criptográficas grazas á monitorización continua das propiedades cuánticas dos fotóns transmitidos. Calquera perturbación derivada dunha observación non autorizada altera o estado cuántico do sinal e, por tanto, evidencia a existencia dunha intrusión.

Un equipo de traballo que “hackea” fronteiras e retos técnicos

Para levar a bo porto o ambicioso proxecto IberianQCI necesítase a implicación dunha gran cantidade de persoas, institucións, campos de coñecemento, tecnoloxías e marcos legais e políticos. O consorcio de IberianQCI, liderado por Indra, está formado por institucións portuguesas (Infraestruturas de Portugal, IP Telecom, Instituto de Telecomunicações, Altice Labs e o Instituto Superior Técnico) e españolas (Universidad Politécnica de Madrid, Telefónica, Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Instituto de Ciencias Fotónicas de Barcelona). Desde Galicia, tanto o Cesga como o VQCC son pezas clave do proxecto grazas á experiencia práctica previa desenvolvida no ámbito das comunicacións cuánticas tanto terrestres como satelitais de ambas institucións.

Queres saber máis sobre a tecnoloxía QKD e a experiencia do Cesga neste campo? Le este artigo!